Conferencia «José Rodríguez. O primeiro gran científico galego» de Carmen Villanueva
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) elixiu ao matemático José Rodríguez González (Lalín, 1770-Santiago, 1824) como Científico Galego de 2024, coincidindo co bicentenario do seu falecemento. Para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións ao conxunto da sociedade, vanse programar unha serie de actividades ao longo deste ano. Onte, celebrouse unha conferencia no marco de Os Luns do Ateneo, na sede compostelana de Afundación, en colaboración co Ateneo de Santiago, o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña.
A conferencia foi impartida pola investigadora Carmen Villanueva, licenciada en Química pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e doutora en Física Aplicada. Presentou a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo (UVigo) en 2023 sobre o matemático Rodríguez, co título José Rodríguez González (1770-1824), matemático, geodesta, astrónomo, naturalista e viaxeiro científico por Europa. Dirixiuna o catedrático de Astronomía da USC José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.
Carmen Villanueva localizou información descoñecida ata o momento sobre o matemático Rodríguez. A investigadora salienta que José Rodríguez pode considerarse como “o primeiro gran cientifico galego”. Lembra que naceu en Bermés, unha parroquia de Lalín no interior da Galicia rural. “Destinado pola súa familia á vida relixiosa, a súa mente inqueda, a súa intelixencia e as relacións establecidas durante a súa etapa de estudante na Universidade de Santiago levárono a tomar un camiño diferente. En 1801 gañou a cátedra de Matemáticas da Universidade compostelá e dous anos máis tarde partiu cara a París para ampliar estudos. Estudou matemáticas, astronomía, xeodesia e mineraloxía en Francia, Inglaterra e Alemaña con persoeiros da categoría de P. S. Laplace, J. B. Biot, F. Gauss ou A. G. Werner”, apuntou Villanueva.
Ver en La Opinión