Hemeroteca
A xornalista Marta Otero Mayán gaña o Alfredo Vicenti do Ateneo de Santiago por unha reportaxe sobre a inmigración
O xurado decidiu outorgar unha mención honorífica ao xornalista Ángel Paniagua Pérez por unha reportaxe sobre o “chemsex”
- Compartir
O Xurado do Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2024, organizado polo Ateneo de Santiago co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración da Federación de Ateneos de Galicia, decidiu por unanimidade outorgar o galardón desta edición a Marta Otero Mayán. A xornalista de La Opinión de A Coruña, medio do grupo Prensa Ibérica, foi distinguida polo traballo titulado «Somos las esclavas de este siglo», unha reportaxe publicada o 3 de marzo de 2024.
O Xurado, que salienta o alto nivel de todos os traballos presentados, argumenta a súa decisión por adaptarse perfectamente ao espírito do Premio ao conter unha temática con fonda implicación social que trata a inmigración e o traballo.
Do mesmo xeito, o Xurado decidiu adxudicar unha mención honorífica ao xornalista Ángel Paniagua Pérez polo traballo «El ‘chemsex’ dispara las infecciones sexuales», publicado en La Voz de Galicia o 26 de novembro de 2023, polo novidoso do tema, dándolle visibilidade a unha temática pouco tratada nos medios de comunicación así como pola cantidade de información descoñecida que ofrece.
O Xurado, presidido polo Presidente do Ateneo de Santiago Francisco Candela, estivo constituído por José Francisco Rodil, representando a Organización Profesional de Xornalistas de Santiago de Compostela; Xosé Ramón Pousa, Ex-Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Manuel López-Rivadulla, Presidente da Federación de Ateneos de Galicia; Antón Porteiro, membro da Sección Sociedade da Información do Ateneo de Santiago; e Pedro Rodríguez Villar, galardoado na última edición deste premio.
Ver en El Correo Gallego