Hemeroteca
Galicia e os normandos nos Luns do Ateneo
Compostela, 18 de novembro do 2024 – O Ateneo de Santiago organiza, ás 19.30h no salón de actos da Rúa do Vilar 19, unha conferencia titulada «Galicia e os normandos», impartida por Fernando López, Catedrático de Historia Medieval da USC.
- Compartir
A charla de López permitirá afondar nun dos momentos da historia medieval de Galicia máis interesantes. O catedrático falará dos vínculos entre Galicia e os normandos, unha conexión de grande relevancia para comprender a evolución política e cultural do territorio.
A conferencia tratará o impacto das incursións normandas na Galicia medieval, analizándoo dende unha perspectiva histórica que pon en valor as relacións entre a costa galega e este pobo europeo.
A través deste percorrido, López Alsina achegará a influencia que estas interaccións tiveron tanto na estrutura defensiva e urbana das vilas costeiras galegas como na evolución das relacións entre o Reino de Galicia e as potencias atlánticas.
Fernando López Alsina é un recoñecido especialista en Historia Medieval cunha longa traxectoria de investigación enfocada nas cidades galegas e o Camiño de Santiago. A súa tese de doutoramento, centrada na Compostela medieval, é unha referencia fundamental no estudo da evolución urbana. Entre os seus proxectos destacan «Las ciudades y los espacios urbanos en Galicia» e «La organización parroquial en Galicia entre los siglos VI-XVI». A súa labor investigadora, amplamente recoñecida dentro e fóra de España, fai desta conferencia unha oportunidade única para coñecer máis sobre a historia medieval galega.
Ver en Lindeiros