Hemeroteca

A DEBATE OS PARQUES EÓLICOS NO MEDIO RURAL

Compartir

 

Este próximo luns, 11 de novembro, ás 19.30 h, o Ateneo de Santiago acollerá na Rúa do Vilar, 19, a conferencia titulada «O efecto dos parques eólicos no medio rural». Esta ponencia está organizada pola Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Medio Ambiente do Ateneo e estará a cargo de Pablo Ramil Rego, Director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), quen exporá unha análise dos efectos que o desenvolvemento eólico pode ter sobre a biodiversidade, a paisaxe e as comunidades rurais.

A conferencia abordará a presenza dos parques eólicos en contornas naturais e os impactos asociados, como a alteración de ecosistemas e as consecuencias para a biodiversidade e o equilibrio ecolóxico. Ademais, analizaranse os efectos sociais e económicos deste tipo de infraestruturas no medio rural, que en Galicia particularmente xeran un debate entre os beneficios enerxéticos e as preocupacións locais.

Pablo Ramil Rego é un destacado investigador e profesor de Botánica na Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo. Á fronte do IBADER, dirixe investigacións en paleoecoloxía e biodiversidade, con especial atención á influencia humana na paisaxe e aos efectos de perturbacións nos ecosistemas. Ramil é tamén membro de organismos nacionais e internacionais de conservación, como o Comité Español do Programa Hombre & Biosfera da UNESCO, onde ocupa o cargo de secretario do Consello Científico.

 

Ver en Xornal Galicia