Hemeroteca

Educación e cine nos Luns do Ateneo

A vindeira conferencia dos Luns do Ateneo abordará o papel do cine na educación e na formación da cidadanía.

Compartir

 

O Ateneo de Santiago organiza unha mesa redonda titulada “Cine, Educación e Cidadanía”. O encontro forma parte da IV Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA). Terá lugar o vindeiro luns, día 24, ás 19.30h, na Rúa do Vilar, 19 en Compostela.

Esta cita da axenda reunirá expertos do ámbito audiovisual e educativo para analizar como o cine pode ser unha ferramenta clave na transmisión de valores e na construción da cidadanía nos escolares. A sesión estará coordinada por Xosé Armas, Profesor de Didáctica das Ciencias Sociais da USC.

O debate afondará na capacidade do cine para estimular o pensamento crítico, fomentar a inclusión e reforzar a educación en valores democráticos.

A partir das súas experiencias en diferentes ámbitos, os participantes reflexionarán sobre o impacto do cine na formación da cidadanía e no proceso educativo. Ademais, abordaranse as oportunidades e retos do audiovisual como recurso didáctico, destacando experiencias concretas desenvolvidas en Galicia e Portugal.

A mesa contará coa participación de Marcos Galleo Fernández, cineasta, que achegará a súa visión sobre o cine como ferramenta narrativa para o ensino; Sofía Rama Lorenzo, profesora do IES Félix Muriel de Rianxo, quen compartirá a súa experiencia no uso do cine en contextos educativos; e Felipe Guerra, cineasta e formador, membro da asociación portuguesa AO NORTE de Viana do Castelo, que exporá proxectos de alfabetización audiovisual en centros de ensino.

 

Ver en Lindeiros