Hemeroteca

Quintana Martelo fala de Díaz Pardo nos Luns do Ateneo

Para conmemorar o Día das Artes Galegas o Ateneo de Santiago organiza a conferencia “Isaac Díaz Pardo, o pintor que non quixo pintar” impartida por Manuel Quintana Martelo

Compartir

 

A nova sesión dos Luns do Ateneo terá como protagonista a Isaac Díaz Pardo, ao que este ano se lle dedica o Día das Artes Galegas. O encargado de afondar na súa figura será Manuel Quintana Martelo, pintor e presidente da Real Academia Galega de Belas Artes. A cita, este luns día 7, as sete e media da tarde na Rúa do Vilar, 19.

A intervención de Quintana Martelo explorará o singular percorrido vital e artístico de Isaac Díaz Pardo, facendo fincapé na súa relación co mundo da pintura e na súa decisión de afastarse dela como forma de compromiso coa realidade e coa cultura galega.

O título da conferencia convida a reflexionar sobre unha personalidade que, sendo pintor de formación, entregou a súa vida á recuperación e impulso das artes aplicadas e da memoria histórica de Galicia, fundando proxectos senlleiros como Sargadelos, o Laboratorio de Formas ou o Instituto Galego da Información.

Manuel Quintana Martelo, natural de Roxos, formouse na Escola de Belas Artes de Sant Jordi en Barcelona e desenvolveu unha sólida traxectoria internacional antes de regresar a Galicia nos anos 80, onde se integrou de cheo no movemento artístico galego contemporáneo.

Gravador, ilustrador, docente e artista multidisciplinar, é académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes dende 2004 e o seu presidente dende 2014, ano en que impulsou a creación do Día das Artes Galegas. A súa obra figura en coleccións e exposicións de referencia, e foi recoñecido co Premio Cultura Galega de Artes Plásticas no ano 2012.

 

Ver en Lindeiros

Eventos relacionados