Hemeroteca

O Ateneo de Santiago entrega os premios da IV Mostra CINEDUCA a centros educativos galegos

O certame destaca o valor do cine como ferramenta pedagóxica e proxecta os traballos gañadores elaborados polo alumnado

Compartir

 

A IV Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA) clausurouse este mércores no Ateneo de Santiago coa entrega de premios ás mellores curtametraxes realizadas por centros educativos galegos, nun acto no que se puxo en valor o uso do cine como instrumento para transmitir valores, identidade e coñecemento.

O director da Mostra, Miguel Zabalza, abriu o evento cunha reflexión sobre o poder do cinema no ámbito educativo, subliñando que “a linguaxe audiovisual ten unha capacidade emocional e empática que facilita a aprendizaxe dunha forma única”. Destacou, ademais, a función do cine como vehículo para a conexión co territorio e a cultura propia.

Durante a gala procedeuse á lectura da acta do xurado, a cargo de Antón Porteiro, membro do Ateneo. A continuación, proxectáronse as curtametraxes premiadas e realizouse a entrega de galardóns aos centros participantes.

O Premio Ateneo Cineduca 2025 recaeu na obra ‘Soños para levar. Unha historia chea de historias’, realizada polo alumnado do CEIP Plurilingüe Mestre Ramiro Sabell Mosquera, de Ponteareas. O galardón foi presentado por Blanca Río, do IES Rosalía de Castro de Santiago, quen salientou a implicación do profesorado e a natureza transversal do proxecto: “o alumnado foi protagonista da súa aprendizaxe nun traballo colectivo que representa o modelo educativo ao que aspiramos”. O premio, dotado con 1.000 euros, inclúe tamén un diploma acreditativo e unha peza conmemorativa.

O segundo premio foi para o documental ‘65 toneladas’, do IES Poeta Añón de Outes, valorado polo xurado polos seus contidos medioambientais, a implicación comunitaria e a súa calidade técnica narrativa. A directora do centro, María Xosé Alfonso Torres, recolleu o galardón, que foi entregado polo propio director da Mostra, Miguel Zabalza, e está dotado con 500 euros, diploma e peza conmemorativa.

Ademais, outorgouse unha mención honorífica a unha curtametraxe de ficción baseada no conto La del 11 jota, da autora arxentina Elsa Bornemann, presentada por José Manuel González Herrán, profesor emérito da USC. A peza, que non acadou a duración mínima para optar aos premios principais, foi recoñecida por “conseguir encapsular de maneira brillante o relato orixinal en só seis minutos”, demostrando unha notable capacidade de adaptación audiovisual.

A clausura correu a cargo do presidente do Ateneo de Santiago, Francisco Candela, quen agradeceu a participación dos centros e animou a seguir apostando polo cine como ferramenta pedagóxica. Subliñou que “o audiovisual é un produto colectivo que fomenta a cooperación e a cidadanía responsable, reforzando valores fundamentais como a paz, os dereitos humanos e a convivencia”.

A Mostra CINEDUCA consolídase así como unha das iniciativas de referencia en Galicia para integrar o cine nas aulas, poñendo o foco na creatividade do alumnado e no compromiso da escola coa formación integral e crítica.

 

Ver en Xornal de Compostela