Homenaxe a Castelao en Rianxo da Federación de Ateneos de Galicia
Recheo portuario de Rianxo (a carón do Centro Sociocultural-Auditorio)
A Federación de Ateneos Galegos rendeu este sábado unha homenaxe ao ilustre intelectual e patriota galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao na súa vila natal de Rianxo.
O evento, concibido como «un xesto de lembranza e compromiso cos valores encarnados por Castelao», xuntou 120 persoas dos sete ateneos galegos que integran a federación, que preside Manuel López-Rivadulla.
Os participantes foron recibidos no salón de plenos do concello polo tenente de alcalde, Julio Alcalde. De seguido, comezaron os actos cunha visita guiada polo Rianxo de Castelao, cun percorrido por varios lugares que formaron parte da vida do escritor, como o Concello, a Praza Castelao, a súa casa natal ou o Restaurante Feliciano, lugar onde soou por vez primeira en Galicia a Rianxeira.
Recital poético
A comitiva dirixiuse despois á escultura de Castelao, onde Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, e Manuel López-Rivadulla, en nome da Federación de Ateneos de Galicia, deron lectura a senllos manifestos. Completou o acto o recital poético Castelao sempre, no que participaron membros dos sete ateneos: Xesús Rábade Paredes, Xaime Domínguez Toxo, Xabier Paz, Luísa Abad, Ricardo Villar e Helena Villar Janeiro.
Como colofón, todos os asistentes participaron nunha ofrenda floral, e compartiron mesa e mantel nun xantar de confratenidade, a base de empanada, polbo, carne ao caldeiro, churrasco e sobremesa, todo iso regado con viño e café. Non faltou a música para animar unha foliada a cargo do dúo Barahunda e os gaiteiros Son de Gaita. A celebración rematou cun emotivo cántico colectivo da Rianxeira.
Con esta homenaxe a Federación de Ateneos de Galicia quixo reafirmar o seu «compromiso coa memoria histórica, a cultura galeguista e a participación cidadá, elementos fundamentais na obra e no pensamento de Castelao».
Xuntanza anual
O seu presidente, Manuel López-Rivadulla asegurou que «o obxectivo é facer unha xuntanza anual dos membros de todos os ateneos galegos, na que renderemos homenaxe cada ano a unha figura destacada de Galicia». Amosou ademais a súa satisfacción pola boa acollida que tivo o acto celebrado en Rianxo.
Ver en El Correo Gallego