Conferencia «Rompendo as barreiras do localismo: Vigo en Santiago» de Manuel Bragado
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
O ciclo de conferencias "Rompendo as murallas do localismo" da Federación de Ateneos de Galicia avoga polas boas relacións entre os ateneos e as cidades que representan fronte "aos localismos que pretenden o predominio dunhas cidades sobre outras".
Cada ateneo, cada cidade, ten as súa historia e unha situación actual que emana da propia evolución, por iso desde a Federación de Ateneos de Galicia consideran importante "ir máis alá de localismos" e ser quen de mirar as cidades "na súa idiosincrasia, sen necesidade de entrar en competencia senón nun proceso de recoñecemento e respecto, dándolle valor ao que cada unha delas representa". Así, os ateneos queren traballar con esta finalidade, pondo en valor todas e cada unha das localidades, ao tempo que as recoñecen todas.
En base ao anterior, a Federación de Ateneos de Galicia pon en marcha un ciclo de conferencias ao redor da idea de romper as murallas do localismo, levando a cabo a reivindicación dunhas cidades desde as outras. "Partir da identidade de cada unha delas, daquilo que as caracteriza e as fai únicas para que sexan recoñecidas nas demais".
Este ciclo de conferencias é unha iniciativa na que coinciden os sete ateneos que forman parte da Federación —Santiago, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Ourense, Moaña e Marín (O Morrazo)—. A intención é que o ciclo de conferencias perdure no tempo, cunha conferencia en cada ateneo por semestre, segundo confirma en conversa con Nós Diario Pilar Sampedro, do Ateneo de Santiago de Compostela, entidade que acollerá a primeira das conferencias.
Así, Rompendo as murallas do localismo comezará na capital galega a vindeira segunda feira, 26 de maio, cunha palestra titulada "Vigo en Santiago" na que Manuel Bragado —pedagogo, escritor e colaborador de Nós Diario— afondará na idiosincrasia da cidade olívica. A esta seguiranlle outras como "Ourense en Santiago", da man de Bieito Iglesias, o 3 de xuño; "Ferrol en Ourense", con Guillermo Lorca o 6 de xuño; ou "Santiago en Pontevedra" con Xerardo Estévez, o 19 de xuño. "O que facemos é escoller unha persoa que nos parece representativa de cada lugar, que pode recoller un pouco a esencia desa cidade para que nola conte", explica Sampedro.
Máis alén de "romper o localismo" por separado, a Federación de Ateneos de Galicia tamén prepara unha actividade conxunta. Neste caso, trátase dunha homenaxe a Castelao que decorrerá a finais de xuño en Rianxo (O Barbanza).
Ver en Nós Diario