Hemeroteca
Declaración do Ateneo de Santiago en favor da cidadanía de Gaza
- Compartir
O Ateneo de Santiago, fiel ao seu compromiso cos valores universais da paz, a dignidade humana e a xustiza, manifesta publicamente a súa profunda solidariedade coa dramática situación que atravesa a poboación civil en Gaza.
O sufrimento de miles de familias, privadas de condicións mínimas de seguridade, saúde, alimentación e refuxio, constitúe unha traxedia humanitaria que interpela á conciencia da comunidade internacional e de cada un de nós como cidadáns e cidadás comprometidos coa defensa da vida.
Unímonos ás voces que, dende distintos lugares do mundo, reclaman o cesamento inmediato da violencia e a apertura de corredores humanitarios que garantan o acceso á axuda médica, alimentos e auga potable, indispensables para a subsistencia da poboación.
O Ateneo de Santiago lembra que os dereitos humanos e o dereito internacional humanitario son inalienables e deben ser respectados en todo contexto, especialmente en situacións de conflito armado, onde a poboación civil non pode ser tratada como obxectivo de guerra.
Expresamos a nosa solidariedade coas vítimas e facemos unha chamada ás autoridades internacionais, organismos humanitarios e gobernos, para que redobren os seus esforzos en favor da paz, a protección da vida e a reconstrución dun horizonte de dignidade e xustiza para o pobo de Gaza.
Así mesmo, o Ateneo de Santiago, dentro do seu programa “Ateneo Solidario”, doará 1.000 euros a unha das ONG que apoian á poboación gazatí.
Ver en Diario de Santiago