Hemeroteca

Nicolas Sartorius fala de democracia, desigualdade e medio ambiente nos Luns do Ateneo

A charla de Nicolas Sartorius, esta tarde as sete e media, está organizada polo  Ateneo de Santiago e a Asociación Federalista de Galicia e terá lugar na Rúa do Vilar, 19

Compartir

 

O avogado e xornalista Nicolás Sartorius estará hoxe en Compostela para impartir a charla  “Democracia, desigualdade e medio ambiente; a necesidade dun federalismo social” dentro do ciclo dos Luns do Ateneo, no que hoxe colabora ademais a Asociación Federalista de Galicia.

A cita preséntase como  unha reflexión ampla sobre os retos que afrontan as sociedades actuais. A intervención centrarase nas tensións entre sistemas democráticos, impactos ambientais e crecente desigualdade, un triángulo que, segundo o propio Nicolas Sartorius, esixe repensar o papel das estruturas políticas e explorar alternativas desde unha perspectiva federal e social.

A charla abordará cuestións de plena actualidade, dende o deterioro institucional ata a emerxencia climática, convidando a debater como fortalecer a participación cidadá nun contexto global tan complexo.

Nicolás Sartorius (San Sebastián, 1938) é unha figura destacada da vida política e intelectual española. Avogado de formación pola Universidade Complutense, foi un activo militante antifranquista, detido en varias ocasións e procesado no coñecido Proceso 1001.

Cofundador de Comisións Obreiras, participou nas negociacións da Transición e foi deputado durante tres lexislaturas, exercendo como voceiro parlamentario ata 1993.

Tamén desempeñou durante dúas décadas a vicepresidencia executiva da Fundación Alternativas e é autor de numerosos ensaios sobre política, sindicalismo e linguaxe pública. Na última década centrouse na política internacional e na seguridade, liña que continúa no seu recente libro La democracia expansiva.

 

Ver en Lindeiros

Eventos relacionados