Hemeroteca
Debate sobre «Guerra» de Louis-Ferdinand Céline
- Compartir
Hoxe, martes 2 de decembro, ás 17.30h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se comentará a obra Guerra de Louis-Ferdinand Céline.
En Guerra o brigadier Ferdinand é gravemente ferido na fronte de Flandes durante unha das cruentas batallas da Primeira Guerra Mundial. Destruído física e moralmente, é evacuado a un hospital ao norte de Francia, onde unha enfermeira inasequible ao desalento se fará cargo del, e Ferdinand relacionarase con diversos personaxes. Escrita co característico estilo visceral, brutal e radical de Céline, a obra retrata a guerra como enlouquecido matadoiro, e nas súas páxinas crúzanse, con crueza e voluptuosidade, a morte e o sexo, a dor e a sensualidade, a destrución e a paixón.
Louis-Ferdinand Céline (Courbevoie, Francia, 1894-París, 1961) está considerado un dos escritores máis influentes do século XX e máis traducido da literatura francesa despois de Marcel Proust. A súa obra, autobiográfica en gran parte, causou unha gran polémica polo uso dunha linguaxe liberal, oral e ás veces grotesca. Fillo único dunha familia obreira, tras obter o Certificat d’études, foi enviado uns anos a Alemaña e outro a Inglaterra para aprender idiomas, o que plasmou na súa segunda novela, Morte a crédito. Recibiu a Medalla Militar en 1914 pola súa participación na Primeira Guerra Mundial, onde foi ferido no brazo e con secuelas na cabeza e o oído, polo que foi destinado ao consulado francés en Londres. Entre 1924 e 1928 viaxou por África, onde contraíu a malaria, e a Estados Unidos, traballando para a Sociedade de Nacións. Doutorouse en medicina na Universidade de París, onde publicou a súa primeira obra científica (La quinine en thérapeutique) e a súa tese doutoral (A vida e a obra do doutor Philippe Ignace Semmelweis). Inicialmente dedicouse ao exercicio da medicina pero acadou subitamente a fama en 1932 pola publicación de Viaxe á fin da noite, á que lle seguirían outras obras igualmente exitosas. Debido ao seu antisemitismo foi acusado de colaboracionismo co nazismo e tivo que exiliarse de Francia en 1944, aínda que o goberno francés lle permitiu volver seis anos máis tarde. O seu estilo vivo influíu inmensamente en escritores posteriores e a crítica segue considerándoo como un dos escritores franceses máis importantes do século XX.
Ver en Diario de Santiago