Conferencia «A ciencia que parecía inútil» de José Luis Mascareñas
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
O catedrático José Luis Mascareñas analizará este luns como a ciencia “aparentemente inútil” acabou impulsando avances decisivos
O Ateneo de Santiago celebrará este próximo luns ás 19.30 horas unha nova conferencia baixo o título 'A ciencia que parecía inútil', o encontro estará a cargo de José Luis Mascareñas, catedrático de Química Orgánica da Universidade de Santiago de Compostela, quen afondará no papel da investigación básica e no seu impacto real na sociedade.
Na súa intervención, Mascareñas convidará a reflexionar sobre aquelas liñas de investigación que, nalgún momento, semellaron afastadas de aplicacións prácticas, pero que demostraron ser decisivas para o avance científico e tecnolóxico. A charla procurará ofrecer unha mirada accesible a este proceso, contextualizando exemplos e situando o coñecemento fundamental como alicerce das innovacións que transforman o noso día a día.
O conferenciante, catedrático da USC dende 2005, conta cunha traxectoria internacional que o levou a centros como Stanford, Harvard, Cambridge ou o MIT, ademais de dirixir durante máis dunha década o CiQUS. Autor de máis de 250 artigos científicos, con 47 teses doutorais supervisadas e 26 patentes solicitadas, foi recoñecido con premios como a Medalla de Ouro da RSEQ, o Premio Galicia Crítica, a Medalla de Investigación da RAGC ou o recente Premio Rei Jaume I de Investigación Fundamental (2025). Actualmente é vicepresidente da Real Sociedad Española de Química e mantén dous programas punteiros de investigación en catálise metálica e catálise celular.
Ver en Diario Compostela