Hemeroteca

Marilar Aleixandre, escritora: «Métome tanto, tanto, nas novelas que despois non me é fácil saír»

A autora presenta en Santiago «As bocas cosidas», que parte da vida dun familiar, guerrilleiro comunista

Compartir

 

19.30 horas • Rúa do Vilar, 19 • Persoas moitas veces esquecidas, esas que non escribiron o relato da historia. De novo, a escritora Marilar Aleixandre convérteas na cerna da súa obra. Se en «As malas mulleres», coa que acadou o Premio Nacional de Narrativa 2022, eran as reclusas do cárcere da Coruña no século XIX, en «As bocas cosidas» achégase aos vencidos da Guerra Civil partindo dunha figura real: a dun curmán do seu pai, guerrilleiro comunista asasinado en 1947 e soterrado nunha fosa común. Un libro que viu a luz no pasado verán e que este mércores Marilar Aleixandre presentará en Santiago nun acto organizado polo Ateneo no que estará acompañada por Dolores Vilavedra, catedrática de Literatura Galega da USC, e por José Manuel González Herrán, directivo do Ateneo. «O meu proxecto de escrita ten que ver coa violencia social que se exerce sobre colectivos, coas vidas esquecidas, vidas que non importan a ninguén», afirma a autora, que tamén lembra as palabras do filósofo alemán Walter Benjamin nas que incidía no don «de prender no pasado a faísca da esperanza» e na importancia de falar dos vencidos.

O xermolo de «As bocas cosidas» haino que buscar no 2010. Foi aí cando Marilar Aleixandre coñeceu por primeira vez a existencia de Antonio, ese curmán do seu pai. «É unha desas historias que pasan en moitos lugares, de aí o título da obra. Cose a boca sobre todo dos vencidos, pero tamén da xente que non pertencía exactamente aos vencidos por medo a ser asociada con eles», afirma. Durante unha comida en xaneiro dese 2010, o pai de Marilar Aleixandre comentoulle que lle pediran saliva para identificar co ADN ao seu curmán, soterrado nunha fosa común en Valencia. «Non é que de Antonio non soubésemos que era comunista e guerrilleiro, é que nunca soubemos da súa existencia», incide.

 

 

A partir de aí, comezou o traballo para buscar documentación e datos sobre ese familiar, no que tamén xogou un papel importante Miguel, o irmán de Marilar Aleixandre a quen lle dedica esta novela: «Se non fose pola súa teimosía, tardaría moito máis». Forman parte desa documentación, entre outros, o expediente do cárcere, a súa presenza no campo de concentración en Los Almendros —«non se fala deles, pero en España houbo máis de trescentos»—, o informe médico do seu paso polo manicomio, documentos da Garda Civil, así como dos xuízos militares «que realmente non se chegaron a celebrar porque o mataron en 1947». Esa realidade que convive con outras situacións que a escritora trata de imaxinar, como a súa adolescencia. Unha etapa na que Marilar Aleixandre lembra a casa da súa avoa en Doña Mencía (Córdoba), na que uns anos antes tamén estivera Antonio. Precisamente, despois dun pequeno capítulo no que a autora describe como foron sabendo da vida de Antonio, comeza o relato cuns xornaleiros dando voltas na praza dese pobo.

Fronte ao negacionismo

Segue sendo necesario agora rescatar a eses vencidos na Guerra Civil? «Agora mesmo está habendo unha ofensiva fascista», responde Marilar Aleixandre, lembrando o que está facendo o ICE en Estados Unidos ou o que sucede en Gaza. Ademais, apunta que «o negacionismo afecta a moitos ámbitos: hai o das vacinas, o da crise climática, o da discriminación das mulleres...», e, nese sentido, tamén alude aos que din que a Guerra Civil foi algo inevitable. «Xa dicía Hannah Arendt que o tremendo xa non é contar mentiras, senón que chega un momento en que a xente non distingue xa a verdade da mentira», afirma a escritora, que hoxe tamén amosará imaxes vinculadas á historia do seu familiar: «Nunha delas aparece no colexio co famoso toureiro Manolete».

Para a vindeira novela da escritora afincada en Santiago aínda haberá que agardar: «Métome tanto, tanto, nelas, que despois non me é fácil saír e empezar outra historia». Así, tardou tres anos en poñerse a escribir «As bocas cosidas» desde o remate de «As malas mulleres». Iso si, xa ten avanzado un poemario.

 

Ver en La Voz de Galicia

Eventos relacionados