Conferencia «A fame silenciada do franquismo» de Miguel Ángel del Arco
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
A charla celebrarase este luns ás 19.30 horas no Ateneo en colaboración co Grupo Histagra da USC e poderá seguirse tamén en directo
Os Luns do Ateneo continúan este luns, día 9, cunha sesión dedicada a un dos episodios máis duros e menos visibilizados da historia recente. O Ateneo de Santiago, en colaboración co Grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, organiza ás 19.30 horas unha conferencia centrada na fame silenciada da posguerra franquista.
A cita terá lugar na sede do Ateneo, na Rúa do Vilar, 19, e contará coa intervención do catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Granada Miguel Ángel del Arco, un dos principais especialistas no estudo da Guerra Civil e da posguerra. O acto estará acompañado polo catedrático de Historia Contemporánea da USC Ramón Villares e poderá seguirse tamén en directo a través da web e da canle de YouTube do Ateneo.
A conferencia, titulada A fame silenciada do franquismo, propón unha reflexión sobre a fame como unha das consecuencias máis devastadoras da posguerra, así como sobre os mecanismos políticos, sociais e simbólicos que contribuíron a ocultala durante décadas. A partir da investigación histórica e do diálogo coa memoria colectiva, a intervención analizará a relación entre represión, escaseza e control social no contexto do réxime franquista.
Miguel Ángel del Arco é catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Granada e ten centrado boa parte da súa traxectoria académica no estudo do franquismo, da represión e da memoria histórica. Entre as súas liñas de investigación destacan as actitudes políticas, a violencia do réxime e, de maneira específica, a fame franquista.
É autor de numerosos artigos en revistas científicas nacionais e internacionais e de obras de referencia como Los años del hambre. Historia y memoria de la posguerra franquista, Cruces de memoria y olvido e a recente La hambruna española, traballos que contribuíron de forma decisiva a visibilizar unha realidade longamente silenciada e a afondar no impacto social da posguerra.
Ver en Diario de Compostela