Sociedade Civil

A complexidade das nosas formas de organización política e social e as diferentes maneiras de ver, interpretar e explicar o mundo convértense nunha fonte inesgotable de temas para a reflexión, a discusión, o debate, o diálogo e porque non, tamén o acordo.

A sociedade civil debe recorrer a varias disciplinas para entender o noso mundo. Así, unha mirada filosófica pode axudarnos a buscar os fundamentos e as aplicacións prácticas que nos axuden a desenvolver o pensamento crítico; a Economía é imprescindible para entender os fenómenos sociais e políticos e é un instrumento fundamental para deseñar o futuro; coas Ciencias xurídicas e políticas trataremos de defender as liberdades e o sistema de gobernanza; a Historia pode axudarnos a explicar a nosa realidade contemporánea e a difusión, desenvolvemento e control do exercicio dos dereitos humanos, cívicos e sociais. Tamén a problemática da integración europea, o multilateralismo e a globalización son aspectos esenciais a comprender e debater entre a cidadanía. En último termo, o laicismo e a sociedade civil e o seu protagonismo.