Biblioteca

Máis información

Os libros poden retirarse en préstamo ou consultarse na biblioteca de forma gratuíta por parte dos/as ateneístas, coas seguintes normas:
- Exemplares máximo de préstamo: 2
- Período máximo de préstamo: 30 días
- Retirada, devolución e consulta exclusiva no horario de apertura do Ateneo.

REGULAMENTO DA BIBLIOTECA DO ATENEO DE SANTIAGO

Consulta o horario da biblioteca

Acceso ao catálogo

A Biblioteca do Ateneo de Santiago está á disposición dos/as ateneístas para que poidan servirse dela de forma habitual, tanto para a lectura ou consulta na sede do Ateneo de Santiago como para a súa utilización como préstamo bibliotecario.

A temática responde á propia das Seccións que funcionan na organización das actividades do Ateneo: 
          Compostela: biografías de santiagueses ilustres, entidades compostelás, a súa historia, xeografía, urbanismo, arquitectura, tradicións...
          Sociedade Civil: política, economía, Dereito, filosofía...
          Ciencia, Tecnoloxía e Medio Ambiente: matemáticas, física, química, xeoloxía, bioloxía, botánica, zooloxía, Medicina, enxeñería, Astronomía...
          Sociedade da Información: xornalismo, medios de comunicación, informática, redes sociais, telecomunicacións...
          Arte, Educación e Cultura: pintura, escultura, música, teatro, danza, fotografía, cinema, artes gráficas, lingüística, etnografía, arqueoloxía, historia, educación, psicoloxía...

A distribución dos volumes nos espazos está baseada na Clasificación Decimal Universal:
          0 - Informática, catálogos, biblioteconomía, dicionarios, enciclopedias, publicacións de diferentes entidades, xornalismo e libros raros.
          1 - Filosofía, psicoloxía e ética.
          2 - Relixión.
          3 - Demografía, socioloxía, estatística, política, economía, dereito, administración pública, axuda social, educación, etnografía e tradicións.
          5 - Matemáticas, astronomía, física, química, xeoloxía, paleontoloxía, bioloxía, botánica e zooloxía.
          7 - Urbanismo, arquitectura, artes plásticas, debuxo, pintura, artes gráficas, fotografía, música, deportes, xogos, cinema e teatro.
          8 - Lingüística, literatura e obras de ficción (narrativa, poesía, teatro, ensaio, banda deseñada, ...).
          9 - Arqueoloxía, xeografía, biografías e historia.

Ademais, conta con outras pequenas seccións diferenciadas desta distribución:
          Sección Ateneo: engloba todas aquelas publicacións nas que interviron os/as ateneístas, ben sexa como autores/as ou como tradutores/as, prologuistas, etc.
          Sección Infantil e Xuvenil: conta con todas aquelas publicacións, tanto de ficción como de non ficción, dirixidas ao público menor de 16 anos. Están identificadas coa letra I.
          Hemeroteca: alberga todas as publicacións periódicas tales como xornais ou revistas. Identifícanse coa letra H.
          Mediateca: acolle discos musicais e arquivos de ordenador. Identifícanse segundo o recurso do que se trate (CD para discos musicais e ORD para os arquivos de ordenador).

 

CONDICIÓNS PARA A UTILIZACIÓN PRESENCIAL

Poderase acudir no horario de apertura do Ateneo, o cal poderá verificarse na páxina web www.ateneodesantiago.gal.

Só se requirirá a presentación do carné do Ateneo ou o DNI.

 

CONDICIÓNS PARA O PRÉSTAMO BIBLIOTECARIO

Os préstamos e devolucións realizaranse no horario de apertura do Ateneo, o cal poderá verificarse na páxina web www.ateneodesantiago.gal.

Só se requirirá a presentación do carné do Ateneo ou o DNI.

Poderanse solicitar en préstamo todos os libros da Biblioteca, excepto aqueles que, por diversos motivos, figuren nunha listaxe de excluídos do mesmo, os cales só se poderán consultar na propia sede.

A cantidade máxima de libros a prestar é de 2 durante un prazo non superior a 30 días.

Non se poderán retirar novos libros mentres os anteriores non sexan devoltos.

No caso de que os libros sexan devoltos despois de pasados os 30 días dende o inicio do préstamo, as novas solicitudes verán reducida a duración do préstamo na mesma cantidade de días do retraso.

No caso de perda ou dano dun exemplar, este deberá restituírse con outro igual, cando sexa posible conseguilo. No caso de que o libro perdido estea descatalogado, o persoal da Biblioteca estudará a forma de compensar o agravio producido.

Aqueles que, despois de ser avisados de que superaron o prazo máximo de devolución, continúen sen devolver o exemplar prestado, non poderán volver a beneficiarse do préstamo en seis meses.

 

CONDICIÓNS DE USO

As condicións de uso dos libros, tanto na lectura en sala como en préstamo, son as obvias do bo uso colectivo:
          - Non dobrar os libros para que non sufra a encadernación.
          - Usar marcapáxinas co fin de non dobrar as follas dos libros.
          - Non subliñar, facer anotacións ou escribir nos libros.
          - En xeral, coidar os libros, evitando que se manchen, dobren ou danen de calquera maneira, procurando devolvelos nas mesmas condicións en que se prestaron.