Novas

A ateneísta Marilar Aleixandre, Premio Nacional de Narrativa 2022 por «As malas mulleres»

O xurado destaca o seu libro pola súa «orixinal estrutura híbrida que a converte nunha singular novela histórica»

Compartir

 

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) foi galardoada este martes co Premio Nacional de Narrativa 2022 pola súa obra As malas mulleres, editada por Galaxia. Concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, o premio está dotado con 20.000 euros. Afincada en Galicia desde hai case 50 anos —chegou a Vigo en 1973, destinada como catedrática no Instituto do Calvario—, sucede ao tamén galego Xesús Fraga, premio nacional o ano pasado pola súa novela Virtudes (e misterios).

O xurado escolleu As malas mulleres de Marilar Aleixandre pola súa «orixinal estrutura híbrida que a converte nunha singular novela histórica sobre a situación carceraria das mulleres no século XIX, cun admirable dominio do diálogo e da linguaxe», recolle na súa acta. «Recupera a memoria dunha forma brillante en diálogo coa tradición literaria», agregou. «Un coro de voces femininas de diversas clases sociais introduce elementos da poesía popular e a cultura oral. A autora pon o acento nas desigualdades e á vez ofrece unha mirada esperanzadora: a capacidade de resiliencia e emancipación do ser humano, destacando a importancia da sororidade e do compromiso cos demais», destacou o xurado no seu fallo. Asistimos «a unha dura e apaixonante viaxe polo tramo final do século XIX, nunha historia a varias voces, a de Sisca, de 15 anos, presa porque as mulleres non son donas do seu corpo; as de mulleres como Concepción Arenal, visitadora de prisións; e Juana de Vega, cruciais para entender a nosa historia e as do mudo coro das malas mulleres, que entoa prantos sobre encontros cos depredadores sexuais», apuntan os seus editores.

Nova recollida de La Voz de Galicia

Ver máis noticias:
CRTVG
Nós Diario
El País
Infolibre
El Mundo
RTVE
Galicia Confidencial