Historia

O Ateneo de Santiago, aínda que ten como antecedente o denominado “Ateneo Compostelano” que veu desenvolvendo unha importante actividade de divulgación científica e literaria a finais do século XIX, anos 1.889-91, non reaparece deica o ano 1.966 como “Ateneo de Santiago”, de tal xeito que con esta denominación se inscribe no Rexistro de Asociacións, contando co número de inscrición 1966/000090-1 e levando adiante actividades culturais durante un curto período de tempo debido ás limitacións derivadas do réxime franquista.

Nos anos 1.980-81, unha vez restablecida a legalidade democrática, recupera a súa actividade chegando a ter máis de douscentos socios, aínda que as prioridades do proceso de transición democrática absorberon as preocupacións de grande parte dos seus membros, rematando este novo período co frustrado golpe de Estado do 23 de febreiro de 1.981.

Nos primeiros meses do ano 2.008 un grupo daqueles antigos socios, que viviron os anteriores procesos, impulsaron de novo a recuperación do Ateneo perante a carencia de institucións culturais cidadás capaces de expor a problemática que está a vivir a nosa sociedade diante dos enormes cambios que se veñen producindo no noso contorno nos últimos vinte anos e que teñen que ver coa globalización, o equilibrio ambiental, a revolución da sociedade da información, etc., tratando ao mesmo tempo de articular a sociedade civil, achegala aos novos coñecementos e á nova situación, co obxectivo de facela máis consciente dos riscos actuais e dos retos que hai que confrontar nas vindeiras décadas.

Así, o 11 de abril de 2.008, a través da convocatoria dunha Asemblea dos antigos socios, retomouse o proceso de reactivación do Ateneo, elixindo unha nova Xunta Directiva e modificando os Estatutos para adaptalos á Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación. Con data 11 de xuño e mediante a correspondente resolución da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, acórdase “inscribir a adaptación dos Estatutos”, obténdose a tarxeta de identificación fiscal definitiva con data 11 de xullo do devandito ano.

É pois, a partir do mes de Outono dese ano cando se inicia un proceso de organización interna do Ateneo, creándose cinco Seccións para agrupar os socios en grandes áreas de traballo e de impulso das actividades do Ateneo, de tal xeito que, durante o período Outubro-Decembro de 2.008, se definiron as liñas de actuación e o programa de actividades para levar adiante a partir do ano 2.009 de acordo coa súa filosofía e fins que figuran nos Estatutos e, especificamente, no seu artigo 3.

Xa no ano 2012 o Ateneo de Santiago é declarado ASOCIACIÓN DE UTILIDADE PÚBLICA pola Orde de 1 de Outubro da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en virtude do interese para a cidadanía en xeral da promoción e divulgación da cultura, a ciencia e o coñecemento así como no fortalecemento da sociedade civil democrática. Como consecuencia de dita declaración, o Ateneo de Santiago atópase incluído entre as entidades beneficiarias do mecenado, de acordo co establecido no artigo 16 da Lei 49/2002, de 23 de decembro, do réxime fiscal das entidades sen fins de lucro e dos incentivos fiscais ao mecenado, polo cal darán dereito a practicar deducións nas cotas do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e na do Imposto sobre Sociedades, tanto os donativos e doazóns monetarios, de bens ou dereitos, como as cotas de afiliación a asociacións así como outros tipos de achegas que se indican.