Presentación da edición facsimilar das obras de Concepción Arenal

O próximo mércores, 12 de febreiro, ás 19.30h , na Rúa do Vilar, 19, o Ateneo de Santiago e a Universidade de Santiago, coa colaboración da Xunta de Galicia e Afundación, organizan, dentro dos actos conmemorativos do Bicentenario do nacemento de Concepción Arenal, a presentación da edición facsimilar das obras La mujer del porvenir e La mujer de su casa. No acto participará Carmen Blanco, prologuista da obra, e a continuación intervirá a produtora Zaza Ceballos, quen falará para dar paso á proxección do seu documental inédito sobre Concepción Arenal.

La mujer del porvenir e La mujer de su casa son dous textos de Concepción Arenal referentes do feminismo da época. O primeiro é un ensaio sobre a independencia da muller e o seu futuro na sociedade moderna, tratando a súa marxinación e achegando solucións e medidas para rematar coa situación. Por outra banda, La mujer de su casa analiza os problemas aos que se enfronta a muller en España para ser tratada con dignidade.

Con estas obras, entre moitas outras, Concepción Arenal dedica unha parte importante da súa vida a reivindicar situacións marxinais, neste caso, o papel da muller no século XIX, converténdoa nunha pioneira no pensamento feminista.

Próximos eventos Ver axenda