Presentación do libro «Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo» de Marilar Aleixandre e Emma Pedreira
- Data
- Martes, 22 de novembro de 2022
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O martes, 22 de novembro, ás 19.30h, terá lugar na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a presentación do libro «Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo» de Marilar Aleixandre e Emma Pedreira. No acto participarán:
- Marilar Aleixandre, autora da obra
- Emma Pedreira, autora da obra
- Marga Tojo, xornalista e poeta
- José Manuel González Herrán, Directivo do Ateneo de Santiago
A historia de Juana María de Vega é a dos repetidos intentos de revolución liberal ao longo do século XIX, da Constitución de 1812 aos pronunciamentos de Porlier, Del Riego, Torrijos e Solís e os mártires de Carral, que os seus protagonistas pagaron coa vida. Juana, o seu home, Francisco Espoz y Mina, e os seus pais, participaron nestes intentos, o que lles custou multas, cárcere e exilio. Juana de Vega converteu a súa casa da Coruña nun centro intelectual e político e ideou formas de participación na vida pública nun tempo en que isto estaba prohibido ás mulleres. Deixou tamén unhas Memorias que complementan as súas accións en defensa das liberdades coas xustificacións desa loita, e conseguiu amosar que as batallas polas causas perdidas son semente de futuro.
Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) é feminista, narradora, poeta, tradutora e membro da Real Academia Galega dende 2017. Dona dunha das voces máis singulares das nosas letras, recibiu os máis importantes premios da literatura galega. O seu labor académico na Universidade de Santiago de Compostela, centrouse na argumentación e no pensamento crítico. Entre as súas obras destacan Mudanzas e outros velenos (2017), que reúne parte da súa obra poética; A filla do minotauro (2018), Premio Raíña Lupa; A Compañía Clandestina de Contrapublicidade (1998), Premio Álvaro Cunqueiro; e As malas mulleres (2021), Premio Blanco Amor, coa que recibiu o Premio Nacional de Narrativa 2022.
Emma Pedreira (A Coruña, 1978) é filóloga, escritora e artista plástica. Como poeta, a súa obra atinxe máis de dez títulos, entre o que destaca Antídoto, do que en 2017, un dos seus poemas foi considerado o “Mellor Poema do Mundo” e galardoado co Premio de Poesía Jovellanos. En 2018 gañou o Premio da Crítica Española, no apartado de narrativa en galego, por Bibliópatas e fobólogos, o Premio Xerais de novela por Besta do seu sangue, e o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño por As voces ágrafas, e en 2019 o Premio Jules Verne por Os corpos invisibles, novela que foi considerada, xunto coa autora, a mellor do ano 2018 pola revista electrónica Fervenzas Literarias. En 2020 obtivo o Premio da Gala do Libro Galego ao mellor texto xuvenil por Os corpos invisibles. O seu último libro, Os libros que hai en min (2021), é unha biografía bibliográfica que entronca con Bibliópatas e Fobólogos. Como artista gráfica participou nos poemarios O Elo, de Quico Valeiras e Círculo dentro do círculo, de Inma Doval, e na publicación Xela Arias, poeta nas marxes, así como en revistas especializadas como Cuaderno Artístico, Collage e La jirafa en llamas, entre outras.