Visita guiada á exposición «GTB ilustrado» na Fundación Gonzalo Torrente Ballester

Data
Sábado, 27 de xaneiro de 2024
Horario
18.30h
Lugar
Fundación Gonzalo Torrente Ballester
Ateneo Viaxeiro
Compartir

O sábado, 27 de xaneiro, ás 18.30h o Ateneo de Santiago, con motivo da conmemoración do 25 aniversario do falecemento de Gonzalo Torrente Ballester, realizará unha visita gratuíta á exposición «GTB ilustrado», situada na Fundación Torrente, que estará guiada polo seu fillo Álvaro Torrente Sánchez-Guisande. 

As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.gal, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude e tendo preferencia de admisión os/as socios/as do Ateneo. A data límite para anotarse é o domingo, 21 de xaneiro.

Esta exposición reúne obras de artistas que ilustraron as primeiras edicións dos libros de Torrente Ballester, ou que as realizaron posteriormente, a partir da súa lectura, articulándose nun percorrido centrado en catro dos seus libros: Compostela (1948), La saga/fuga de J. B. (1972), El cuento de sirena (1979) e Doménica (1999). Facsímiles das ilustracións da artista romanesa María Droc de 1948 (hoxe perdidas), fotografías tomadas polo escritor, bosquexos e estampación preparada por Jesús Pastor (Premio Nacional de Gravado), a augaforte realizada por Julio Zachrisson en 2010, a reprodución do cadro «Unha cidade nunha rocha» de Goya ou as ilustracións de Lía Ferreira ou Miguelanxo Prado (Premio Nacional de Cómic) son algunhas das obras expostas que se acompañan dunha selección de retratos de artistas como Manuel Prego, Manuel Mampaso, Julián Grau Santos, Martín Morales, fotografías do proceso de realización da escultura que recibe aos visitantes no Café Novelty de Salamanca, ou imaxes dalgúns dos momentos máis significativos da vida do escritor.

Próximos eventos Ver axenda