Visita guiada á exposición "Valente e a unidade das artes"

Data
Sábado, 14 de decembro de 2019
Horario
12.00h
Lugar
Pazo de Fonseca
Compartir

O sábado, 14 de decembro, ás 12h o Ateneo de Santiago realizará unha visita gratuíta á exposición “Valente e a unidade das artes”, situada no Pazo de Fonseca, a cal estará guiada polo Comisario da mostra Claudio Rodríguez Fer.

As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.com antes do xoves 12 de decembro, tendo preferencia de admisión os socios do Ateneo de Santiago.

Esta exposición fai visible a parte artística dos fondos da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago, conformados polo importante legado do poeta, quen fixo doazón á USC do seu arquivo e da súa biblioteca persoais. José Ángel Valente foi un verdadeiro escritor universal que se caracterizou pola interculturalidade e a interdisciplinariedade da súa obra. En consonancia coa súa crenza na unidade das artes, Valente publicou moi importantes libros de artista con diversos pintores e escultores europeos, cuxas contribucións se expoñen completas: Antonio Saura, Eduardo Chillida, Paul Rebeyrolle, Jürgen Partenheimer, Rafa Forteza e, sobre todo, Antoni Tàpies, o autor con quen máis veces colaborou. Este diálogo perdurou tras a súa morte, pois a súa esposa Coral, Leopoldo Nóvoa ou Rafael Pérez Carrió editaron postumamente, con versos do poeta, libros do artista que tamén se expoñen completos.

Próximos eventos Ver axenda