Proxección da película «Ser e ter»

Data
Mércores, 4 de maio de 2022
Horario
19.00h
Lugar
Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

MOSTRA INTERNACIONAL DE CINE E EDUCACIÓN (CINEDUCA)

Compartir

O mércores, 4 de maio, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada na sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela) a proxección da película «Ser e ter» (Être et avoir) de Nicolas Philibert. Esta proxección, comprendida dentro da Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), estará presentada e comentada por Fernando Redondo Neira, Profesor de Comunicación audiovisual da USC.

Ser e ter (Être et avoir)
Francia, 2002. Director: Nicolas Philibert
Trátase dun documental que amosa a vida dunha pequena clase dunha poboación ao longo de todo un curso, mostrándonos unha mirada á educación primaria no corazón das Landas francesas. Unha ducia de alumnos de entre 4 e 10 anos, reunidos na mesma aula, fórmanse en todas as materias baixo a titoría dun único profesor de extraordinaria dedicación. Mestre de autoridade tranquila, o profesor Georges López conduce aos rapaces cara a adolescencia, mediando entre as súas disputas e escoitando os seus problemas.

Fernando Redondo Neira, Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade do País Vasco (UPV) e Doutor pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), é Profesor da área de Comunicación audiovisual na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Autor dos libros Carlos Velo. Itinerarios do documental nos anos trinta e Os amorodos de Bergman (Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2018), é coautor de Galicia en NO-DO: Comunicación, cultura y sociedad e Coordinador-editor do volume Cidadanía e documental. Premio María Luz Morales de Ensaios Cinematográficos e Premio Manuel Reimóndez Portela de Xornalismo, forma parte da Asociación Española de Historiadores de Cine (AEHC), do Centro de Estudos Fílmicos da USC e da Asociación Galega de Investigadores/as da Comunicación.

Esta actividade enmárcase no programa Cultura por alimentos de Afundación, a Obra Social ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia. Convidamos a todos os asistentes a colaborar con esta campaña solidaria mediante a doazón de alimentos non perecedoiros, os cales se poderán depositar na entrada da sede da Rúa do Vilar.

Próximos eventos Ver axenda