Debate sobre «A cidade dos Césares» de Víctor Freixanes
- Data
- Martes, 30 de maio de 2023
- Horario
- 17.45h
- Lugar
- Ateneo de Santiago
Os días 9, 16, 23 e 30 de maio, ás 17.45h no local social do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terán lugar novas sesións do Club de Lectura, onde se comentará a obra A cidade dos Césares, de Víctor Freixanes.
A cidade dos Césares é un dos grandes textos da literatura galega contemporánea. Entre 1776 e 1783 arredor de cincocentas familias de Galicia, Asturias e a Maragatería embarcaron na cidade da Coruña para ir poboar terras ao sur da provincia de Buenos Aires, o que os historiadores coñecen como a Expedición das Familias. Alí crearon varios asentamentos, dos que unicamente sobrevive Nosa Señora do Carme de Patagones, na boca do río Negro. O conde de Floridablanca e os ministros de Carlos III deseñaron a ocupación para evitar que o inglés se establecese naquelas latitudes. Cen anos despois, en 1885, o piloto de Noia, Basilio Vilariño, evoca aquelas xornadas dialogando co gaiteiro, Chinto de Muras, mentres o exército arxentino entra na antiga aldea de colonos, despois de vencer na montaña a derradeira resistencia das tribos indíxenas. Diálogo entre defuntos, apenas sombras no medio do lamazal. A Cidade dos Césares gañou o Premio de Novela Torrente Ballester en 1992.
Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) é un escritor en lingua galega, xornalista, editor e profesor de universidade, premio Torrente Ballester en 1993. Acudiu á Universidade de Santiago de Compostela (USC) para licenciarse en Filosofía e Letras e posteriormente doutorarse en Filoloxía Románica, aínda que tamén chegou a cursar estudos de Xeografía e historia e Xornalismo. Un dos trazos máis característicos e individualizadores das novelas escritas por Freixanes é a peculiar lingua literaria que emprega. Utiliza unha linguaxe envolvente e con tendencia á voluptuosidade, no que a reiteración de palabras chave e o marcado ritmo dos seus textos orixinan unha prosa inconfundible e infestada de signos de identidade propios do autor.