Hemeroteca

Concerto 'Isabella Leonarda. Salmos e motetes'

Obras recuperadas no 400 aniversario do nacemento desta compositora imprescindible na historia da música, que buscan reivindicar e difundir o seu legado así como visibilizar a obra musical creada por mulleres no Seicento italiano

Compartir

 

O Paraninfo da Universidade, situado na Facultade de Xeografía e Historia, acolle este venres día 7 o primeiro dos concertos do Ateneo Barroco 2022. Trátase da cuarta edición deste festival de música antiga e barroca organizado polo Ateneo de Santiago e que conta co patrocinio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia así como da Deputación da Coruña,  coa colaboración do Concello de Santiago, o Centro Dramático Galego, a Axencia Galega das Industrias Culturais e a Universidade de Santiago de Compostela.

Coa concepción e dirección musical do compostelán Manuel Vilas, a soprano milanesa Roberta Invernizzi, considerada unha das grandes voces da ópera barroca e da música antiga, e o conxunto vocal catalán Qvinta Essençia, especialistas en polifonía renacentista, inauguran deste xeito o festival co concerto 'Isabella Leonarda. Salmos e motetes', un recital con obras recuperadas no 400 aniversario do nacemento desta compositora imprescindible na historia da música, que busca reivindicar e difundir o seu legado así como visibilizar a obra musical creada por mulleres no Seicento italiano. O programa inclúe os motetes Nive puer, unha das nanas máis fermosas de todo o barroco italiano, e Gloria in Excelsis Deo, un curiosísimo diálogo entre anxos e pastores con danzas improvisadas intercaladas.

Como preámbulo ao concerto terá lugar a primeira sesión da actividade complementaria «Compositores, xéneros e contextos», introdución didáctica do festival que se desenvolverá xusto antes de cada concerto, nesta ocasión ás 20.30h. Co obxectivo de facilitar o achegamento aos artistas, á música e á súa historia, Manuel Vilas contribuirá a preparar ao público para unha audición máis enriquecedora do concerto coa breve charla sobre Isabella Leonarda.

A soprano Roberta Invernizzi é unha das solistas máis solicitadas nos repertorios barroco e clásico e gran intérprete de Haendel. Merecedora de galardóns como Diapason d’Or, Choc du Monde de la Musique, Gramophone Award, Goldberg’s Five Stars ou Preis der deutschen Schallplattenkritik, tamén obtivo en o MIDEM Classical Award en 2007 e o prestixioso Stanley Sadie Handel Recording Prize en dúas ocasións (2007 e 2010).

Pola súa banda, o conxunto Qvinta Essençia nace coa inquietude de contribuír á recuperación e difusión do rico patrimonio musical, sendo o seu propósito recrear co máximo rigor obras enmarcadas no renacentismo español.  Actualmente abordan programas representativos dos principais compositores e estilos dos séculos XVI, XVII e XVIII, dende a música renacentista española, pasando polos grandes madrigalistas italianos e chegando até Johann Sebastian Bach. No seu caso, Manuel Vilas, formado en arpas antigas dos séculos XII ao XVIII en Madrid, é un pioneiro na recuperación destes instrumentos hoxe esquecidos, como a arpa dobre da Coroa de Aragón (século XIV), a arpa chiquitana (Bolivia, século XVIII) e a arpa do virreinato de Perú (séculos XVII e XVIII).

Ler en Xornal da USC

Eventos relacionados