Ciencia, Tecnoloxía e Medio Ambiente
Moitas veces, ao falar de cultura exclúese deste concepto a ciencia, malia ter sido e ser ésta unha construción humana capaz de cambiar o mundo. Existe hoxe, non obstante, unha preocupación social crecente pola educación científica dos cidadáns a través non só dos contidos da educación formal, senón tamén na divulgación científica rigorosa.
Para un Ateneo do século XXI resulta inescusable contar cunha sección que promova actividades encamiñadas a divulgar o coñecemento científico, por constituír este unha ferramenta indispensable para a toma de decisións reflexivas nunha sociedade democrática, e por ser imprescindible para adaptarse a un mundo altamente tecnificado e cambiante.
Esta sección, pois, centrará as súas actividades arredor de cuestións tales como: fontes de enerxía, novos descubrimentos, cambio climático, ecoloxía, enerxías alternativas, xestión da auga e dos residuos, investigación e desenvolvemento, arqueoloxía industrial, historia da ciencia, etc. ; promoverá encontros onde se poidan expoñer distintas opinións sobre os devanditos temas dende o repecto á liberdade de pensamento expresada con rigor; organizará conferencias-coloquio sobre aqueles acontecementos de carácter científico que repercutan no estado de opinión xeral, e impulsará actividades conmemorativas de feitos que marcaron fitos no acontecer científico.