O venres, 7 de febreiro, o Ateneo de Santiago realizará unha visita ao Porto Pesqueiro de Vigo e ao Museo MARCO, co seguinte programa:

9.00h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago de Compostela.

10.30h. Visita ao Porto Pesqueiro de Vigo, terminal de coches e peiraos comerciais. Duración: dúas horas e media.
O Porto Pesqueiro de Vigo conta con 4 dársenas de pesca fresca e os seus peiraos correspondentes (área do Berbés), coas principais empresas de comercialización e venda; varias zonas de pesca conxelada; actividade de cultivo en medio mariño de especies específicas de alto valor (rodaballo, robaliza, ostra, mexillón, linguado, mariscos, etc.); os principais Centros de Investigación Pesqueira e Oceánica das distintas Administracións Autonómicas, Centrais e Europeas, así como os seus buques complementarios, que a día de hoxe roldan as 20 unidades; e varias lonxas, servizos a buques, industrias, etc.

Porto Pesqueiro de Vigo



 

14.00h. Comida en Vigo.





 

17.00h. Visita á recen inaugurada exposición “Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos” do Museo MARCO.
Comisariada por Xosé Carlos López Bernárdez, a mostra quere subliñar a contribución decisiva dun dos pintores chave na historia da arte galega á formación do Movemento Renovador da Arte Galega, cunha pintura que parte do elemento popular para conformar unha nova percepción da realidade social e histórica galega. Conformada por unha selección de obras procedentes de diferentes coleccións, acompañadas de material documental, fai especial fincapé na implicación do artista nos debates arredor da figuración na Europa e América dos anos vinte e trinta, os debuxos de guerra, e outros momentos menos coñecidos do seu traballo (a Arxentina dos primeiros anos vinte; a Galicia anterior á Guerra Civil; o exilio e ligazón ao contexto artístico americano, novamente na Arxentina, entre 1937 e 1948; a súa inserción no París de posguerra e a súa estreita relación co medio cultural galego e español, dende os anos cincuenta). Ademais compáranse as súas obras coas doutros artistas galegos —Maside, Souto, Torres, Laxeiro, Virxilio Blanco— e con contextos “diverxentes” da modernidade internacional, nomeadamente arxentina.  





 





 

18.30h. Regreso á Rúa da Rosa de Santiago. Hora prevista de chegada 20h aproximadamente.





 

O prezo final estará arredor dos 33€ por persoa, incluíndo autobús, comida e visitas, cun suplemento de 10€ para os non socios do Ateneo. As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.com ata o xoves 23 de xaneiro, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude. O número de prazas dispoñibles é de 30 e serán adxudicadas por orde de solicitude con preferencia para os socios do Ateneo.





 

Confidencialidade de datos persoais: ponse en coñecemento das persoas inscritas á visita que, debido á normativa de seguridade do Porto de Vigo, seranlles facilitados aos responsables da autoridade portuaria os nomes, apelidos e DNI de cada un dos participantes.


 

Próximos eventos Ver axenda